Ao pouco de coñecer a Carlos L. Ríos comprometémonos con el na elaboración dun artigo tratando a importancia das comunidades de montes veciñais en man común onte, hoxe e mañá na dinamización das comunidades humanas e da economía local. Onte rematamos a escoita do episodio 29 do podcast MANERAS DE VIVIR (SALVAJES) que fala dunha persoa que coma Carlos tamén ama Ecuador e tamén vive e colabora coas comunidades locais e fainas participes de novos procesos. No máis de 20 anos que levamos percorrendo montes e comunidades veciñais de Galicia as iniciativas vivas que perduran adoitan contar con persoas excepcionais, intelixentes, amables, perseverantes e arrodeadas doutras que en colectivo suman moito máis do que o farían separadamente.
En Galicia tanto na costa como no interior hai máis de 3000 comunidades de montes veciñais en man común e máis de 700.000 hectáreas que son e deberan ser motivo de orgullo e estudo dende a escola primaria ata a universidade. Son como a Aguía Harpía un relicto do pasado que a modiño segue a vivir hoxe e vivirá mañá. Un xeito de usar o territorio colectivo e asembleario que forma parte diso que Elinor Ostrom deu en chamar o procomún. Cidades como Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Lugo, Noia, Rianxo ou Verín serían distintas sen os montes veciñais e as comunidades de montes das aldeas que as atesouran e coidan dende hai séculos.
A Xunta de Galicia vai co tempo mellorando a información sobre este tipo de propiedade, pero sobre todo ten sido o traballo de moitas persoas e asociacións como a Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), a Asociación Forestal de Galicia ou a Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA) o que ten redundado en experiencias moi salientables que serven de faro para as novas persoas comuneiras.
Hoxe queremos recoñecer o traballo de comunidades de montes veciñais en man común como a de Baroña en Porto do Son que pode servir de referencia do potencial dinamizador destes territorios cando xuntan persoas con iniciativa e capacidades.
A Comunidade de Montes de Baroña é un exemplo de que o monte pode subministrar ademáis de madeira, leña, resina, pastos, carne, biodiversidade, patrimonio, paisaxe e cultura. Durante anos Ovidio (o presidente da comunidade de montes de Baroña) e outras persoas comuneiras teñen viaxado, probado, falado, escoitado, pensado, experimentado e refeito traballos e traballos ata converterse nun referente de comunidade que crea emprego, economía e conecta nenos con maiores a traves da historia, a arte a cultura e a tradición. Por se fose pouco as veciñas de San Pedro de Baroña restauraron a edificación antiga dunha casa forestal cunha panorámica da costa fermosa e habilitaron un centro de transformación de productos vexetais e animais, dispoñen dun serradoiro portátil e participan en multitude de proxectos como o Laboratorio Ecosocial do Barbanza ou Comunidades activas e paisaxes resilientes a incendios forestais e cambio climático (CAPRIF-CC) no que por exemplo comparten coñecementos e experiencias con comunidades veciñais de toda Galicia.
Nesta entrada puxemos o foco na Comunidade de Montes de Baroña pero hai outras moitas en Galicia que poden ser faros que marquen posibles camiños para novas xuntas reitoras ou comunidades que queiran facer cousas distintas. Citamos algunhas máis de traxectoria contrastada que paga a pena visitar:
- Borreiros (Gondomar)
- Valadares, Teis e Candean en Vigo
- Camos (Nigrán)
- Vincios (Gondomar)
- Carballo (Friol)
- Lantañó (Portas).
- Froxán (Lousame)
- Meira (Moaña)
Gustarános aportar información sobre elas sempre co seu permiso en futuras entradas.
